Lección de Vida...
- proyectospossumus
- 26 may 2017
- 4 Min. de lectura
Enmarcado no proxecto de centro DAR VIDA…ÁS PERSOAS a II Edición de “Esta é unha historia do meus-Aula Aberta de Historia” ofreceu este ano un emotivo “Encontro coas avoas” dos alumn@s de 4º de ESO e agunhas nais que tamén asistiron a acto. Foi o pasado venres 26 de maio, nun xeito diferente de poñer imaxes e vida á á historia de España dos últimos 80 anos a través da voz das tres protagonistas que lembraron toda unha época, desde “tempos da fame”, na posguerra, ata emigración cando todavía eran unhas cativas e tamén a chegada da democracia.
Elas foron Carmen Riba (Redondela, 1935), Alicia Cordo (Mondariz, 1948) e Carmen Bello (Mondariz, 1950). Paradoxas do destiño, as tres criáronse en concellos limítrofes como Covelo e Mondariz, e as tres acabaron por establecerse logo en Vigo, preto do colexio Possumus, onde agora cursan estudos os seus netos e netas.
As anécdotas máis antigas remontábanse á Guerra Civil, na que Carmen Riba, sendo unha nena de tres anos, perdeu ao seu pai a raíz dunha pulmonía que colleu tras unha escaramuza na vila, ou na que Alicia Cordo, soubo despois, que o seu sogro salvou de ser fusilado contra a tapia do cemiterio da aldea “porque era portugués”.
Fariña de carozos
A infancia era lembrada por todas elas pola fame que se pasou nas casas, onde a carne de porco, o pan de millo e as papas de unto eran habituais na mesa, apenas máis. “Lembro como un día de Nadal -rememoraba Alicia Cordo- miña nai fora traballar todo o día para gañar 15 pesetas coas que poder cear nunha noite tan sinalda, pero polo camiño de volta, xa de noite, perdeu os cartos”. “Acudíu entonces -prosigue- xunta un muiñeiro que lle deu un pouco de fariña de carozos, que só se usaba, mezclada con auga, para darlle de comer ao gando. Con ela amasou un bolete, pero éste tamén se acabou estragando no forno porque aquela fariña non servía para cocer, e acabou sendo gracias a caridade dunha tía que puidemos cear algo naquela noite de Nadal”.
Co gando ás seis de mañán
Da escola, contaron, o pouco que a pisaron. “Antes de ir a ela -explicaba Carmen Bello- tiñamos que ir ás seis da mañán co gando ao monte, e logo as nove á escola. E no intre do recreo miña irmá máis eu aproveitabamos para ir a buscar caldeiros e baldes de auga á fonte para levalos á casa”.
Tamén falaron dos anos de enamoramento. “Coñecín ao meu marido nunha festa -lembraba Carmen Riba-, el namorouse de min porque lle gostaba como bailaba. Cando decidimos casar foi dunha hora para a outra, porque a el acabábano de chamar para entrar en Pescanova e tiña que marchar navegar, de feito embarcou aos dous días”. Os seráns de tarde eran outro dos focos de diversión dos mozos de entonces: “xuntabamos ás vellas á ultima hora da tarde nos fins de semana -explicaba Carmen Bello- para tocar a pandeireta de cantar, e mentras os mozos e as mozas bailabamos xuntos”.
A emigración para fóra de Galicia tamén a viviron duas das nosas protagonistas. Alicia Cordo o lembraba: “con quince anos funme a traballar para Madrid, cunha maleta grande na que só levaba un vestido… e que enchín de mazás, que logo me saciaron a fame moitas das primeiras noites”. “Cando casei -agrega- á semana da voda marchei co meu marido a traballar para Holanda, non quedaba outra”. “Daquela -apuntaba Carmen Bello- non había cartos para lúa de mel, eu casei e ao día seguinte o meu marido e eu empezamos a traballar na panadería”, establecemento éste no que todavía segue faenando e que, precisamente, deixou unhas horas para vir a este Encontro cos netos.
Da chegada da democracia Alicia Cordo rememoraba que "cando deron a nova de que morrera Franco, lembro que eu ía camiño da feira a O Grove", e Carmen Riba que, cando as primeiras eleccións "eu votei a Suárez, quen se non", (momento éste no que un alumno, de xeito contido, apretaba un puño e murmuraba: "ben!")
Falando en pespectiva de quen viviu tanto, as tres coincidiron en que, se voltaran a ter 15 anos, como os seus netos hoxe, o que lles gostaría facer, e que non puideron no seu tempo, sería estudar; que aínda bulen proxectos na sua testa (“senón veña mirar o meu chabolo que acabo de facer na aldea e que da envidia velo!”, espetoulle Alicia Cordo ao mestre), e que, o mellor que fixeron na vida, “foi ter fillos e netos, porque os netos disfrútanse aínda máis que os fillos”, recoñecía Carmen Riba.
Unha entrega por parte do seus respectivos netos de agasallos aportados pola ANPA -unha foto antiga de cada protagonista cando eran mozas, restaurada no colexio polos netos- e as instantáneas de rigor puxeron o punto final cunha nota de emoción a un Encontro que se convertíul,ante todo, nun pretexto para achegarse e valorar, se cabe un chisco máis, a adicación e entrega dos nosos maiores. Unha lección de Historia… e de VIDA.
Comments